Tuesday 14 de May de 2024

A Festa de Disfraces dos nenos e nenas da gardería municipal abre as celebracións do Entroido en Brión


Venres continuarán co Concerto de Entroido da Escola Municipal de Música Magariños, ás 18:00 horas no centro social polivalente

Máis dun cento de veciños e veciñas defrutaron da tradicional festa de Entroido dos meniños da gardería municipal de Brión, que este ano tivo que celebrarse no patio interior cuberto da escola debido ás baixas temperaturas. Os 85 cativos e cativas desfilaron en dúas quendas: primeiro os menores de 2 anos (ás 10:15 horas) e acto seguido os “maiores”, de 2 a 3 anos (ás 11:15 horas). Uns desfiles aos que asistiu o alcalde de Brión, José Luís García.

Todos os pequenos e pequenas desfilaron con traxes feitos con materiais reciclables e que foron elaborados durante a pasada semana por eles mesmos coa axuda dos seus mestres e a colaboración dalgúns pais e nais, que hoxe tamén colaboraron no desfile caracterizados como os seus pequenos. A temática deste ano foi “A horta da gardería de Brión”, polo que os 45 pequenos menores de 2 anos estaban caracterizados como fresas, mazás, limóns, peras, laranxas, cenorias e paxaros; mentres que os 40 nenos e nenas de 2 a 3 anos ían de leitugas e espantallos.